Ás cinco da madrugada partía de Tui unha carreira moi especial. O seu protagonista, un mozo chamado Germán Aneiros. Percorrerá a pé os 120 quilómetros que unen a localidade pontevedresa con Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa solidaria coa que se pretende fomentar a doazón de medula ósea.
O corredor, que se estivo a preparar física e mentalmente durante os últimos meses para afrontar este reto, chegou sobre as doce do mediodía a Pontevedra. A capital da provincia era unha das paradas que programara para repartir unha serie de folletos informativos cos que tratar de concienciar á cidadanía sobre a importancia destas doazóns á hora de salvar vidas.
Acompañado por unha moto de apoio que pilota o seu irmán, Germán Aneiros atravesará correndo todas as localidades polas que pasa o Camiño Portugués a Santiago. Ten previsto chegar á capital galega a última hora da tarde deste martes.
Esta iniciativa conta co apoio da Plataforma Unidos por la Médula e a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI).